Máis de cincuenta voluntarios de Castelo Deporte participarán na organización do Castelo Conta

Sumaranse ás veciñas e veciños de Castelo e á Comisión de Festas para facer posible unha das programacións de actividades culturais máis ambiciosas de Galicia.

Membros da asociación Castelo Deporte, xunto con veciñas e veciños de Castelo. Foto: Aigi Boga

Castelo prepárase para multiplicar por vinte a súa poboación durante unha semana. As festas do San Ramón, reconvertidas unha programación cultural inédita en Galicia, son xa un reclamo ao que responden persoas de todos os puntos de Galicia, que mesmo asisten varios días ás actividades que percorren as distintas aldeas da parroquia cullerdense.

O Castelo Conta, que organiza cada ano a Comisión de Festas de Castelo, é posible grazas a un equipo de case douscentos voluntarias e voluntarios, aos que se suman profesionais de distintas empresas de medios técnicos e de servizos de produción artística. Máis de cincuenta voluntarios da asociación Castelo Deporte sumaranse nesta edición ás tarefas de control, sinalización e montaxe das actividades previstas entre o luns 22 e o domingo 28 de agosto.

A colaboración entre as distintas entidades do mapa asociativo de Castelo, e tamén dos veciños, vén de atrás: a Comunidade de Montes de Man Común da parroquia apoia todas as actividades que organizan tanto Castelo Deporte como a Comisión de Festas, e as veciñas e veciños participan da montaxe e distribución das distintas comidas e ceas que se organizan no marco das actividades culturais e deportivas na parroquia. Ademais, a Asociación de Veciños colabora como punto de venda de entradas e distribución de convites do Castelo Conta.