Remataron os 12 quilómetros da proba absoluta nun tempo de 1 hora e 4 minutos, e 1 horas e 37 minutos, respectivamente. Miguel Vázquez, Fernando Arca, Inés Sánchez e Alejandra Outeiriño completaron o podio. Máis de cincocentas persoas encheron de luz coas súas lanternas un Monte Xalo na escuridade.
Castelo recibiu nesta noite a varios centos de camiñantes e corredores nunha das grandes citas co deporte de montaña en Galicia. A Nocturna do Xalo cumpriu cinco edicións cunha das participacións máis masivas dos últimos anos, e cun novo percorrido, desta volta de doce quilómetros no caso da carreira, polos sendeiros dos montes de Castelo.
Na proba absoluta, Marcos Naya e Amira Simón impuxéronse cun tempo de 1 hora e 4 minutos e 1 horas e 37 minutos, respectivamente, Miguel Vázquez (1 hora, 4 minutos) e Inés Sánchez (1 horas, 44 minutos) foron segundos, e completaron o podio Fernando Arca (1 hora, 5 minutos) e Alejandra Outeiriño (1 horas, 46 minutos). Fixérono logo de percorrer unha ruta de 12 quilómetros,
Na andaina de 8,5 quilómetros, que contou con case catrocentos participantes de todas as idades, as e os inscritos gozaron dun paseo por camiños inéditos no Xalo, chegando ata a zona do Petón.
Solidariedade
Na Nocturna do Xalo falouse, un ano máis, de solidariedade: a Fundación Mari Paz Jiménez, que traballa na investigación sobre o sarcoma, recibiu as doazóns realizadas polas inscritas e inscritos, e entregou uns trofeos especiais ás e aos participantes máis veteráns. Alberto Martínez, representante do padroado da fundación, asistiu á entrega de premios.
O Concello de Culleredo, Emesports, Cume Norte e Marathon Running Shop colaboraron con esta edición do evento, coa achega de diferentes recursos.
Sumáronse ao esforzo dun cento de voluntarias e voluntarios presentes no monte desde a mañá, e da maioría das veciñas e veciños de Castelo, que prepararon a churrascada coa que gozaron os asistentes.