Remataron os 12,5 quilómetros da proba absoluta nun tempo de 1 hora e 12 minutos, e 1 hora e 44 minutos, respectivamente. Miguel Vázquez, Iván Reboredo, Patricia Sáez e Lucía López completaron o podio. Máis de cincocentas persoas encheron de luz coas súas lanternas un Monte Xalo na escuridade.
Castelo recibiu nesta noite a varios centos de camiñantes e corredores nunha das grandes citas co deporte de montaña en Galicia. A Nocturna do Xalo cumpriu seis edicións cunha das participacións máis masivas dos últimos anos, e cun novo percorrido, desta volta de doce quilómetros e medio no caso da carreira, polos sendeiros dos montes de Castelo.
Na proba absoluta, Marcos Naya e Noelia Souto impuxéronse cun tempo de 1 hora e 12 minutos e 1 hora e 44 minutos, respectivamente, Miguel Vázquez (1 hora, 15 minutos) e Patricia Sáez (1 hora, 51 minutos) foron segundos, e completaron o podio Iván Reboredo (1 hora, 15 minutos) e Lucía López (1 hora, 57 minutos).
Na andaina de 8,5 quilómetros, que contou con case catrocentos participantes de todas as idades, as e os inscritos gozaron dun paseo por camiños inéditos no Xalo, chegando ata a zona do Petón.
Solidariedade
Na Nocturna do Xalo falouse, un ano máis, de solidariedade: a Fundación Mari Paz Jiménez, que traballa na investigación sobre o sarcoma, recibiu as doazóns realizadas polas inscritas e inscritos, e entregou uns trofeos especiais ás e aos participantes máis veteráns. Alberto Martínez, representante do padroado da fundación, asistiu á entrega de premios.
O Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña e a Comunidade de Montes Veciñais de Castelo colaboraron con esta edición do evento, coa achega de diferentes recursos.
Sumáronse ao esforzo dun cento de voluntarias e voluntarios presentes no monte desde a mañá, e da maioría das veciñas e veciños de Castelo, que prepararon a churrascada coa que gozaron os asistentes.