Yago Breijo e Iván Reboredo completaron o podio masculino. Na categoría feminina impúxose Alba Rey, seguida por Paula Martínez e Tina Formoso. Ao redor de 500 persoas camiñaron e correron polos camiños do Xalo nunha noite fría pero sen chuvia.
Pouco máis dunha hora despois da saída desde a polideportiva de Castelo, Marcos Naya Badallo impúxose, por segundo ano consecutivo, na Nocturna do Xalo. Cun tempo de 1 hora, 9 minutos e 57 segundos subiu ao podio mellorando o rexistro da pasada edición, por diante de Yago Breijo (1 hora, 13 minutos e 7 segundos) e Iván Reboredo (1 hora, 14 minutos e 47 segundos). Foron os primeiros do total de 124 corredores e corredoras da carreira de 12 quilómetros da sétima edición da proba organizada por Castelo Deporte.

Alba Rey foi primeira na categoría feminina (1 hora, 35 minutos e 12 segundos), seguida por Paula Martínez (1 hora, 45 minutos e 30 segundos) e Tina Formoso (1 hora, 46 minutos e 46 segundos). Con ritmos de 7:55 minutos por quilómetro (feminina) e 5:49 minutos por quilómetro (masculina), foi a edición da Nocturna do Xalo máis rápida de todas as celebradas ata agora.

Na andaina máis de trescentos inscritos percorreron unha ruta duns 8 quilómetros polas sendas do monte veciñal de Castelo, nunha noite de festa no Xalo que rematou coa churrascada preparada polas veciñas e veciños. Ao remate das probas deportivas, e ata a madrugada, máis de medio milleiro de persoas reuníronse na polideportiva para desfrutar do colofón a un dos eventos máis agardados do ano polas afeccionadas e afeccionados ao monte.
Cristina Pardo Portos, concelleira de Educación, Deportes e Xuventude do Concello de Culleredo, María Vázquez, en representación da directiva da Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, e Susana Espiñeira, vicepresidenta de Castelo Deporte, foron as encargadas de entregaro os premios nunha cerimonia na que tamén estiveron presentes os concelleiros Juan Carlos Iglesias Lovelle e Mario Iglesias.
A Nocturna do Xalo está organizada pola Asociación Castelo Deporte en colaboración coa Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, o Concello de Culleredo e a Deputación da Coruña.
