Marcos Naya, Fernando Arca, Fanny Abelenda e Vanesa Mella completaron o podio, nunha xornada na que máis de cincocentas persoas se deron cita en Castelo, e que rematou sen incidentes.
Castelo acolleu na tarde deste sábado a cuarta edición da Nocturna do Xalo. cun importante éxito de participación -a máis numerosa das celebradas ata o momento-. Miguel Vázquez (01:09:19) e Lucía López (01:41:31) subirou ao máis alto do podio na polideportiva de Castelo, acompañados de Marcos Naya (01:09:21) e Fernando Arca (01:12:02) na categoría masculina, e de Fanny Abelenda (01:46:09) e Vanesa Mella (01:48:18) na feminina.
Máis de cincocentas persoas se deron cita no Xalo desde media tarde, para participar ou asistir como público a unha das grandes citas que cada ano organiza a asociación Castelo Deporte en colaboración co Concello de Culleredo.
A asociación ofreceu unha nova mostra de músculo organizativo, con máis de cincuenta voluntarios repartidos polo monte, coidando da seguridade da proba, e outros tantos na polideportiva de Castelo preparando a festa posterior, na que se serviron preto de seiscentas racións de churrasco, cociñado polas veciñas e veciños da parroquia.
A andaina, que bateu todos os records cunha participación de trescentas persoas, desenvolveuse sen incidentes, nun percorrido de especial dificultade polas constantes chuvias da última semana, que sen embargo respectaron aos sendeiristas durante as case tres horas de ruta.
O carácter solidario da Nocturna do Xalo
A Nocturna do Xalo recadou case 300 euros para a Fundación Mari Paz Jiménez, coa que Castelo Deporte colabora habitualmente, e que traballa na investigación do sarcoma, e o apoio ás persoas que sofren esta enfermidade.
Na entrega de premios, Fernando Arca entregou en nome da Fundación dous premios aos corredores máis veteráns, nas categorías masculina e feminina.
Castelo Deporte pecha coa Nocturna do Xalo o ano da recuperación completa da súa actividade habitual, logo da pandemia, no que tamén organizou a Travesía do Xalo a finais de abril, e participou na organización do festival Castelo Conta en agosto.
Ás voluntarias e voluntarios da asociación uníronse na xornada de onte membros de Protección Civil e a Policía Local do Concello de Culleredo, e os concelleiros de Deportes e Desenvolvemento Socioeconómico estiveron presentes na entrega de premios. O deputado provincial de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, estivo tamén presente na actividade.