Remataron a carreira nun tempo de 01:54 e 02:32 respectivamente. Completaron o podio Bruno Cardamas, Roberto Balado, Laura López e Lucía López. A andaina foi a máis multitudinaria de todas as edicións celebradas desde o ano 2010, con máis de cincocentos participantes, que desfrutaron ao rematar as probas deportivas dunha gran churrascada preparada polas veciñas e veciños de Castelo.
Nun tempo de 1 hora e 54 minutos chegou á meta Moncho Muiños, o máis rápido da decimoterceira Travesía do Xalo, celebrada este domingo con saída e meta en Castelo (Culleredo). Acompañárono no podio masculino Bruno Cardamas (1 hora e 54 minutos), e Roberto Balado (1 hora e 56 minutos). Pouco despois, impoñíase na categoría feminina Noelia Souto, chegando a meta nun tempo de 2 horas e 32 minutos, á que seguían Laura López (2 horas e 39 minutos) e Lucía López (2 horas e 43 minutos). Foron as e os gañadores dunha carreira de 18 quilómetros polas sendas e camiños dos montes veciñais de Castelo, nun percorrido con máis de 1200 metros de desnivel positivo, no que se alcanzou unha altitude máxima de 500 metros na parte máis alta do Xalo.
A Travesía do Xalo tivo lugar nun ambiente completamente festivo, no que máis de cen voluntarias e voluntarios da asociación Castelo Deporte contribuiron á seguridade das e dos participantes no monte coa colaboración da Policía Local e Protección Civil de Culleredo.
A andaina bateu todos os records de participación, con máis de cincocentas persoas que encheron de cor os camiños do Xalo nunha ruta de dez quilómetros que quedou pechada pasadas as dúas da tarde.
Pouco antes tiveron lugar as probas infantís: preto de cincuenta cativas e cativos percorreron diferentes circuítos no entorno da polideportiva de Castelo animados por todos os presentes, e recibiron tamén as súas correspondentes medallas na cerimonia de entrega de trofeos.
Unha actividade solidaria
Na Travesía do Xalo tamén estiveron presentes membros da Fundación Mari Paz Jiménez, unha entidade social dedicada á investigación sobre o sarcoma, un descoñecido tipo de cancro, á que as e os participantes achegaron doazóns durante o proceso de inscricións e cun dorsal cero.
A fundación foi a encargada de galardoar á corredora e ao corredor máis veterán, que tamén subiron ao podio e recibiron o aplauso das e dos presentes.
Entrega de trofeos e festa durante toda a tarde
Juan Carlos Iglesias Lobelle e Mario Iglesias, concelleiros do Concello de Culleredo, o presidente da Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, Jesús Ángel Ferreño, o presidente da asociación Cultural Castelo Conta, Antonio Fero, e a presidenta de Castelo Deporte, María Jesús Reboredo, foron os encargados de entregar os trofeos nunha cerimonia que pechou a decimoterceira edición da Travesía do Xalo, pero que aínda se alongou durante toda a tarde cos postres, cafés e música dos que gozaron as e os asistentes.