Castelo Deporte, coa colaboración do Concello de Culleredo e a Comunidade do Monte Veciñal de Castelo, organizan unha proba que levará ao Xalo a case cincocentos camiñantes e corredores, que percorrerán rutas de 12 e 8,5 quilómetros coa única axuda das súas lanternas.
A cita nocturna do Monte Xalo fará de Castelo, de novo, o epicentro da actividade deportiva no monte en Galicia. Será o 25 de novembro nesta ocasión. A quinta edición da Nocturna do Xalo reunirá a medio milleiro de participantes, repartidos nas dúas modalidades nas que se divide a proba: unha carreira duns 12 quilómetros, e unha andaina de 8,5 quilómetros.
As prazas están xa esgotadas, pero será posible achegarse a Castelo para asistir como público á proba, e desfrutar despois da churrascada que, unha vez máis, prepararán as veciñas e veciños de Castelo.
O prezo das racións de churrasco será de 12 euros, e os tickets poderán mercarse ese mesmo día, sen posibilidade de reserva previa, e ata o remate de existencias.
A seguridade, a gran prioridade
Como é habitual nas probas que promove Castelo Deporte a seguridade das e dos participantes centrará os esforzos da organización: será obrigatorio levar lanterna frontal e teléfono móbil, e máis de oitenta voluntarias e voluntarios se repartirán polo monte para controlar o desenvolvemento da actividade.
Contarase ademais coa colaboración dos servizos de Protección Civil e a Policía Local do Concello de Culleredo, que apoiarán á organización durante a carreira e a andaina.
A asociación Castelo Deporte organiza a quinta edición desta actividade, para a que conta co apoio do Concello de Culleredo e da Comunidade do Monte Veciñal de Castelo, así como de Emesports. Unha vez máis, a proba terá un carácter solidario, e será posible destinar doazóns ao traballo de divulgación e investigación sobre o sarcoma que realiza a Fundación Mari Paz Jiménez.