O monte conta os días para a súa gran festa

O Castelo Conta reunirá durante sete días a varios milleiros de persoas na gran festa da cultura no rural en Galicia. Máis de cincuenta artistas entre cómicos, formacións musicais, actrices, actores e comunicadores pasarán por Castelo na que será a edición máis completa do festival.

Os espectáculos percorrerán as aldeas da parroquia de Castelo. Foto: Aigi Boga

O luns 19 de agosto botará andar a novena edición do Castelo Conta. Outra volta á festa nunha aldea que non chega aos douscentos habitantes, e que en cambio é quen de facerse protagonista do calendario de actividades culturais no verán en Galicia desde hai case unha década.

Máis de trinta actividades ao longo de sete días intensos: polas mañás con actividades para as cativas e os cativos, polas tardes en conversas interxeracionais que este ano estarán conducidas por nomes como Xosé Ramón Gayoso ou Miguel de Lira, concertos e espectáculos teatrais nas eiras das distintas aldeas de Castelo, andainas e grandes espectáculos de comedia na fin de semana, e unha gran romaría o domingo.

Unha festa comprometida e sostible, que colleu o o relevo das grandes festas do San Ramón en Castelo que durante anos recibiron ás mellores orquestras, e que agora presume dunha transformación inédita.

A web do festival detalla o calendario de actividades do 19 ao 25 de agosto, case todas elas de balde, abertas a quen queira achegarse a desfrutar dun ambiente único ao pé do Xalo.

O monte abrazará de novo ao público do Castelo Conta, e tanto as nenas e nenos durante varios días, como todo o público na tarde do venres, participará en distintas actividades polos camiños e espazos naturais preparados a conciencia pola Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, que colabora de novo no festival.

O mellor plan posible para ir despedindo o mes de agosto, nunha parroquia orgullosa da súa festa de sempre, feita agora coma nunca.