O Monte Xalo: un espazo natural que latexa co deporte

A Travesía do Xalo leva quince anos abrindo este monte á xente, convertendo cada percorrido nunha experiencia que vai máis alá da carreira e que permite vivir o monte a través do deporte. 

O Monte Xalo, con 514 metros de altitude e unha superficie de arredor de 1.500 hectáreas, é un dos espazos naturais máis representativos da contorna da Coruña. Situado entre varios concellos, entre eles Culleredo e Carral, é un espazo natural con importante valor ambiental, paisaxístico e social.

A súa vexetación combina zonas de repoboación forestal con áreas de carballeiras, castiñeiros e matogueira autóctona, que dan refuxio a especies como o corzo, o xabarín ou distintas aves rapaces. Ademais, o monte conserva elementos de interese histórico, como mámoas e antigos camiños, que evidencian a súa relación co territorio ao longo do tempo.

UN PERCORRIDO QUE DEFINE A EXPERIENCIA DEPORTIVA

A Travesía do Xalo desenvólvese integramente neste espazo, con saída e chegada na Polideportiva de Castelo, no lugar de Folgueira. A edición de 2026 inclúe diferentes modalidades: carreira de 21 quilómetros, carreira de 10 quilómetros, andaina de 10 quilómetros e probas infantís adaptadas a distintas idades.

O trazado caracterízase pola súa variedade, combinando pistas forestais, camiños estreitos e zonas de rocha granítica que fan da proba unha experiencia esixente desde o punto de vista físico e técnico. Ao longo do percorrido, as persoas participantes atravesan puntos recoñecibles do monte, como O Petón, As Penas do Castelo ou o Miradoiro da Area.

DEPORTE COMO FORMA DE ACHEGARSE AO MONTE

Desde a súa primeira edición, a Travesía do Xalo permitiu que milleiros de persoas coñecesen este espazo natural a través do deporte. As diferentes modalidades fan posible a participación de perfís diversos: desde corredoras e corredores habituais ata persoas que se achegan ao monte para formar parte da andaina ou das probas infantís.

Deste xeito, o deporte convértese nunha ferramenta para descubrir o territorio, percorrer os seus camiños e establecer unha relación directa co espazo.

COMPROMISO CO TERRITORIO E CO SEU COIDADO

A organización da Travesía traballa en colaboración coa Comunidade de Montes de Castelo, coidando o monte durante a proba e ao longo do ano. Isto permite compatibilizar o desenvolvemento da proba co coidado do entorno, a través de medidas orientadas a asegurar a sostibilidade: uso de materiais reutilizables e redución de residuos, o mantemento e sinalización dos percorridos, ou a adaptación do evento ás condicións do espazo.

Ao longo do ano, tamén se levan a cabo tarefas de conservación, como a eliminación de especies invasoras, a prevención de incendios ou a recuperación de zonas degradadas.

Ao longo dos seus quince anos de historia, a Travesía contribuíu a consolidar o Monte Xalo como un lugar de referencia para a práctica deportiva ao aire libre, mantendo ao mesmo tempo o seu valor como espazo natural e comunitario.
Este ano, a XV edición será unha oportunidade única para coñecer o monte en primeira persoa, desfrutando da natureza e participando na celebración do aniversario.