A exposición inaugurada en Castelo percorre, a través de imaxes e textos, as quince edicións da Travesía do Xalo. Un relato que pon en valor a evolución da proba e a memoria da parroquia.
A Travesía do Xalo tamén se pode percorrer en forma de memoria. O pasado 11 de abril, coincidindo coa presentación oficial da XV edición, inaugurouse en Castelo a exposición ‘Quince anos no monte’, unha proposta que reconstrúe a historia da proba desde os seus inicios ata a actualidade.
A mostra está composta por quince paneis en formato prisma, nos que cada cara representa un ano da Travesía. A través de fotografías e textos, o percorrido permite deterse en cada edición, lembrando momentos, cambios, persoas e anécdotas que foron construíndo o que hoxe é a Travesía do Xalo.
Desde aquela primeira edición de 2010, organizada case sen medios e con dorsais feitos a man, ata a consolidación actual como unha das citas máis recoñecibles do calendario galego, a exposición recolle unha evolución marcada tanto polo crecemento da participación como pola transformación da propia proposta. Polo camiño aparecen fitos como a incorporación á Copa Galega, a chegada das carreiras infantís, a introdución de iniciativas sociais ou a recuperación e divulgación do patrimonio natural do monte.
Pero máis alá dos datos, a exposición funciona tamén como un exercicio de memoria. A través da Travesía constrúese un percorrido pausado no que se mesturan historias persoais e lembranzas que atravesan a parroquia, facendo visible todo o que mudou (e tamén todo o que permanece) ao longo destes quince anos.

A mostra recolle momentos especialmente significativos, como edicións marcadas pola climatoloxía, cambios no percorrido ou situacións difíciles que puxeron a proba á organización e á comunidade. Episodios que forman parte da historia da Travesía e que axudan a entender o seu carácter actual.
‘Quince anos no monte’ non é só unha retrospectiva. É tamén unha forma de amosar o traballo que hai detrás de cada edición e de entender a Travesía como algo máis ca unha proba deportiva: como un proxecto construído co paso do tempo, coa implicación da veciñanza e cunha relación constante co territorio.
Durante a presentación, foron moitas as persoas que se achegaron aos paneis, deténdose nas imaxes, buscando caras coñecidas ou lembrando como foi cada edición. Un percorrido tranquilo entre fotografías e textos no que non faltaron os sorrisos nin as conversas ao redor do vivido.
Nunha edición na que a Travesía cumpre quince anos, a exposición convértese así nun espazo para mirar atrás e poñer en valor todo o camiño andado. Un convite aberto a quen se achegue estes días a Castelo para parar un intre diante dos paneis e, quen sabe, atoparse tamén nun anaco desta historia.
