Roberto Balado e Pauline Jacob gañan a catorce edición da Travesía Xalo

  • Remataron a carreira de 18 quilómetros en 2 horas e 9 minutos e 2 horas e 51 minutos respectivamente. Acompañáronos no podio Juan Fernández Fornos, Roberto García, Montserrat Alferez e María José Lamas.
  • A andaina de 10 quilómetros reuniu a máis de catrocentas persoas, que desfrutaron dun percorrido polos camiños dos montes de Castelo.
  • A asociación Castelo Deporte e o Concello de Culleredo recoñeceron na entrega de premios o traballo da Asociación Aspanaes, que traballa no apoio a persoas con autismo e ás súas familias, e coa que colaborou a Travesía do Xalo nesta edición.

Máis de cincocentas persoas iniciaron ao redor das 9.30 desta mañá os percorridos da catorce edición da Travesía do Xalo: unha carreira de 18,3 quilómetros con máis de 1300 metros de desnivel positivo, e unha andaina de 10,5 quilómetros polas sendas e camiños do Monte Xalo.

Pasadas as 11.00 da mañá chegaba á meta Roberto Balado, gañador da proba absoluta masculina, nun tempo de 2 horas e 9 minutos, seguido por Juan Fernández Fornos (2 horas e 10 minutos) e por Roberto García (2 horas e 10 minutos). Na categoría feminina impúxose Pauline Jacob, cun tempo de 2 horas e 51 minutos, seguida por Montserrat Alférez (2 horas e 52 minutos), e por María José Lamas (2 horas e 54 minutos).

Máis de cen voluntarias e voluntarios da asociación Castelo Deporte distribuíronse por diferentes puntos do monte para garantir a seguridade das e dos participantes. A mañá transcorreu sen incidencias grazas tamén ao apoio de Protección Civil e a Policía Local de Culleredo.

Unha gran festa para pechar a xornada

Ao remate das probas deportivas celebrouse a cerimonia de entrega de trofeos, na que se recoñeceu o traballo da Asociación Aspanaes, coa que a Travesía do Xalo colabora nesta edición, e que apoia desde hai corenta e cinco anos ás persoas con autismo e ás súas familias, ofrecendo servizos especializados.

Precisamente na parroquia de Castelo ubícase o Servizo de Atención Diurna e Terapéutica da asocaición, no que foi o seu primeiro centro, e no que son atendidas 28 persoas adultas con autismo apoiadas por 11 traballadoras e traballadores. 

As e os participantes na Travesía do Xalo tiveron ocasión de realizar doazóns adicionais ás cotas de inscrición, que serán destinadas á mellora do centro de Aspanaes na parroquia.

Sobre a Travesía do Xalo

A Travesía do Xalo celébrase desde ano 2010 e está organizada pola Asociación Castelo Deporte, unha entidade sen ánimo de lucro fundada no ano 2006 que conta con máis de douscentos asociados e asociadas.

O Concello de Culleredo e a Deputación da Coruña apoian a actividade, ao igual que as empresas Emesports, e Marathon Running Shop.