Susi Reboredo presidirá a asociación Castelo Deporte

A entidade renovará a súa directiva na próxima asemblea de socias e socios, á que se incorporarán ademais Susana Espiñeira, Antonio Fero, Fernanda Espiñeira, Álvaro Pérez Becerra e Juan Sebastián Rey.

Castelo Deporte estará presidida, por primeira vez nos seus case catorce anos de vida, por unha muller. Susi Reboredo será elexida na próxima asemblea nova presidenta, logo dun proceso de reorganización da entidade que comezou na última xuntanza de socios, o pasado mes de xaneiro.

A nova directiva traballa xa en diferentes iniciativas para potenciar as actividades ao longo de todo o ano: organizarase ao menos unha saída cada trimestre, mellorarase a comunicación, reactivarase o rexistro de socios, con descontos tanto nas carreiras e andainas organizadas por Castelo Deporte, así como no Castelo Conta, e a entidade comezará un percorrido cara á súa profesionalización, coa posibilidade de incorporar a medio prazo un equipo técnico propio, para complementar e mellorar as tarefas que ata agora desenvolven de xeito voluntario máis de cen veciñas e veciños de Castelo e zonas próximas.

Susana Espiñeira e Antonio Fero -que xa fora presidente da entidade durante tres anos-, serán vicepresidentes da entidade. Fernanda Espiñeira asumirá as funcións de secretaria, e Álvaro Pérez Becerra -un dos fundadores da asociación no ano 2007- volverá á directiva como tesoureiro. Juan Sebastián Rey, veciño da Hermida, formará tamén parte da directiva como vogal.