Todo o que precisas saber antes da XV Travesía do Xalo

A Travesía do Xalo celebra este sábado a súa edición máis especial. Aquí tes toda a información práctica para desfrutar da fin de semana en Castelo, prepararte para a proba ou percorrer o monte con tranquilidade.


A conta atrás xa rematou. A XV Travesía do Xalo está a piques de comezar e Castelo prepárase para unha fin de semana intensa de deporte, monte e celebración. Case 900 persoas participarán nas diferentes probas, nunha edición que, ademais, coincide co quince aniversario da cita.
Para que todo transcorra con normalidade, recompilamos a continuación a información clave para participantes e público.

Unha fin de semana chea de actividade

A programación arranca hoxe, venres 24 de abril, coa apertura da Taberna de Castelo (Casa Rodríguez), que funcionará como punto de encontro durante toda a fin de semana e acollerá a recollida de dorsais.

O sábado será o día grande, coa saída das probas ás 10.00 horas desde a praza de Folgueira. A xornada continuará coa chegada das persoas participantes, as carreiras infantís, a churrascada e a entrega de premios, para rematar cunha tarde de concertos.

O domingo, a actividade pecharase cunha sesión vermú na taberna.

Como chegar e onde aparcar

Durante a mañá do sábado, Castelo multiplicará a súa poboación, polo que é importante planificar ben a chegada.

A saída estará situada na praza de Folgueira, diante de Casa Rodríguez, pero non estará permitido estacionar nesa zona. Recoméndase utilizar os aparcadoiros habilitados nas proximidades da polideportiva de Castelo. No Campo da Festa estarán tamén as duchas para as persoas participantes.

Distancias, percorridos e sinalización

A carreira longa contará con 19,5 quilómetros e 2.729 metros de desnivel acumulado, con tres avituallamentos. A carreira curta terá 9,9 quilómetros e 820 metros de desnivel, con dous avituallamentos. A andaina percorrerá 9,5 quilómetros, con un punto de avituallamento.

As carreiras estarán sinalizadas con cintas amarelas e negras, mentres que a andaina empregará sinalización branca e azul. En todo caso, será importante atender ás indicacións da organización antes da saída.

Unha xornada para compartir tamén fóra da proba

A Travesía do Xalo é tamén unha festa. A Taberna de Castelo permanecerá aberta durante toda a fin de semana, e o sábado haberá churrascada popular na polideportiva, con barra de bebidas desde a mañá e bocadillos a partir da tarde.

Tras a entrega de premios, a música tomará o relevo coa actuación de diferentes grupos, prolongando o ambiente festivo ata a noite. O domingo, a sesión vermú servirá como peche da fin de semana.

Algúns consellos útiles

Recoméndase acudir con tempo, levar calzado axeitado e roupa de recambio. As duchas estarán situadas no Campo da Festa, polo que se pide axilidade no seu uso para facilitar o acceso a todas as persoas participantes.

Para calquera incidencia no monte, estará dispoñible o teléfono 689 882 972, aínda que o máis recomendable é dirixirse directamente ao persoal voluntario, identificado con chaleco reflectante.

Lémbrase tamén a importancia de respectar o entorno: levar auga, facer uso dos avituallamentos e non deixar residuos no monte.

Con todo preparado, só queda desfrutar. Castelo e o Monte Xalo están listos para vivir unha das fins de semana máis especiais da súa historia.