A Asociación Castelo Deporte, o Concello de Culleredo e a Comunidade de Montes Veciñais de Castelo farán do Xalo, un ano máis, o epicentro da gran festa do monte en Galicia, con preto dun milleiro de persoas participando nas diferentes probas que terán lugar ao longo da xornada.
A décimo terceira edición da Travesía do Xalo xa ten data. O domingo 28 de abril Castelo será de novo a capital do sendeirismo e o trail en Galicia, coa celebración dunha das probas máis queridas por corredoras, corredores e camiñantes.
O evento manterá as categorías e distancias de ocasións anteriores, cunha proba cronometrada duns 18 quilómetros polos montes de Castelo, e unha andaina duns 10 quilómetros a través de sendas e camiños que desde hai semanas xa preparan as voluntarias e voluntarios da Asociación Castelo Deporte e a Comunidade de Montes Veciñais de Castelo.
Como é habitual, contra o mediodía celebranse diferentes probas dirixidas ás cativas e cativos, e a festa prolongarase durante toda a tarde, logo da churrascada preparada pola veciñanza de Castelo.
As inscricións xa están abertas e teñen un prezo de 25 euros no caso de carreira e andaina, co dorsal, unha camiseta, o seguro de accidentes, e o xantar en Castelo ao remate das probas.
A Travesía do Xalo será, tamén este ano, unha actividade solidaria: cada participante terá a oportunidade de realizar unha doazón coa súa inscrición á Fundación Mari Paz Jiménez, que traballa na investigación e o apoio a doentes con sarcoma, un dos cancros máis descoñecidos.