En dez anos de rutas polo Xalo, os que leva Castelo Deporte organizando esta actividade o último domingo de abril, o percorrido sempre foi diferente. Varios milleiros de persoas coñeceron grazas á Travesía do Xalo as rutas que agocha un monte que comparten catro concellos, e que está moito máis preto da cidade da Coruña do que moitas e moitos pensan. O 24 de abril, outra sorpresa.
Dous anos sen Travesía do Xalo non foron dous anos sen paseos polo monte. Desde que no ano 2010 a asociación Castelo Deporte comezara a organizar a carreira e a andaina o último domingo de abril, foron moitas e moitos os que coñeceron un lugar infinito, no que existían moitos máis camiños dos sabidos. Nestes meses de pandemia, o Xalo recibiu cada día, en especial nas fines de semana, a centos de persoas dispuestas a desfrutar do contacto coa natureza.
É a sorte de contar cun monte a disposición dunha poboación de medio millón de habitantes, os que conforman A Coruña e a súa área metropolitana, que teñen o Xalo a non máis de quince minutos. A escasa implicación das administracións municipais, provincial e autonómica na potenciación deste monte non son obstáculos para que a xente entenda todo o que as rutas e os camiños deste lugar pode ofrecerlle. Algo ao que contribuiron as diferentes actividades organizadas na última década pola asociación Castelo Deporte.
Por milleiros cóntanse os participantes nas dez andainas celebradas ata hoxe o último mes de abril, ás que se suman ata tres nocturnas, e outras tantas polas festas de Castelo, no verán. Os percorridos son sempre diferentes, preparados a conciencia polas voluntarias e voluntarios das asociacións organizadoras, e tamén das veciñas e veciños de Castelo, que se implican no coidado do monte organizados a través da Comunidade de Montes de Man Común de Castelo. A actual directiva traballa desde hai varios anos en proxectos de prantación de especies autóctonas, buscando así conservar o sensacional valor ambiental dun lugar, por outra parte, especialmente sensible aos destrozos provocados por vehículos a motor e outras tantas actividades sobre as que a vixilancia nunca é suficiente.
O domingo 24 de abril, a undécima edición da Travesía do Xalo aspira a superar o seu record de participación na andaina, a modalidade con máis demanda desta actividade que organiza Castelo Deporte en colaboración co Concello de Culleredo. Unha nova oportunidade para saber máis do Xalo para desfrutalo durante todo o ano.