- Castelo Deporte retoma a organización da Travesía do Xalo, que cumprirá once anos o domingo 24 de abril.
- As inscricións están abertas ata o martes 19 nas tres modalidades habituáis (carreira de 21 quilómetros, carreira de 10 quilómetros e andaina), e nas probas de percorridos reducidos para rapazas e rapazas de ata dezaseis anos.
O Xalo recuperará o próximo 24 de abril o seu día grande. A Travesía do Xalo volve ao calendario de carreiras despois de dous anos de crise sanitaria disposta a recuperar o pulso que durante dez anos fixo desta cita unha das imprescindibles para camiñantes e corredores en contornas naturais.
A participación, que apunta a record na andaina -cun límite de 500 participantes-, limítase aos 350 participantes na carreira longa e 200 na curta. Será posible anotarse, a través de www.travesiadoxalo.gal, ata o martes 19 de abril.
Castelo Deporte contará con preto de 100 voluntarias e voluntarios para unha organización que require do control de varias decenas de quilómetros no Monte Xalo, en varios termos municipais. A dirección técnica da proba traballa nestes días cos servizos de Policía Local e Protección Civil do Concello de Culleredo para analizar o trazado das diferentes modalidades e garantir a seguridade das inscritas e inscritos.
A partir das 9.30 da mañá do 24 de abril daranse as saídas das distintas probas: unha axenda que rematará preto do mediodía coa celebración das carreiras dirixidas ás rapazas e rapaces de ata 16 anos, distribuídos en ata seis categorías diferentes, con percorridos adaptados ás súas posibilidades.
Como é habitual, a actividade deportiva concluirá coa celebración, nas instalacións da polideportiva de Castelo, dunha churrascada preparada polas veciñas e os veciños da parroquia cullerdense, á que seguirá a entrega de premios, conducida polo actor -e tamén veciño de Castelo- Xosé A. Touriñán, e diferentes actuacións musicais durante toda a tarde.
O Concello de Culleredo, Emesports, Marathon Running Shop, Cume Norte e Ainé Producións colaboran coa asociación Castelo Deporte para facer posible a actividade.